Viena (Austria), 7 de mayo de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo un encontro coa embaixadora de España en Austria, María Aurora Mejía, con motivo da súa viaxe ao país para asistir á gala de entrega das Estrelas do Clima concedidas pola Alianza do Clima europea (Climate Alliance).
Durante o encontro, ademais de interesarse pola comunidade galega que vive en Austria, formada por máis de 430 galegos e galegas, a conselleira trasladoulle á diplomática española o compromiso de Galicia coa adopción de medidas fronte ao cambio climático, así como as políticas que leva a cabo a Xunta nesta materia.
De feito, o esforzo realizado pola comunidade neste eido permitiu que as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) se reducisen en Galicia en 2023 nun 61,7% con respecto a 1990, ano de referencia a nival comunitario para as políticas climáticas. Deste xeito a autonomía consolida a súa posición de liderado a nivel nacional e acércaa ao cumprimento do obxectivo da neutralidade climática no ano 2040, unha década antes do prazo fixado pola UE.