
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2025
A Consellería do Medio Rural porá en marcha unha Rede de espazos de especialización e innovación agraria no seo dos seus centros de formación e experimentación agraria (CFEA). Estes espazos servirán para apoiar, asesorar e ofrecer unha formación máis específica aos profesionais nos procesos de elaboración, transformación, innovación e comercialización das súas producións. Así o avanzou hoxe no pleno do Parlamento a conselleira María José Gómez, quen compareceu, a petición propia, para informar sobre as oportunidades e vantaxes que ofrece o medio rural.
Na súa intervención, a conselleira sinalou que estes espazos ofrecerán aos agricultores e gandeiros formación especializada agroalimentaria orientada a aqueles que queiran dar un paso máis no seu modelo de negocio e aposten pola transformación e o incremento do valor engadido dos seus produtos. Trátase, engadiu Gómez, de promover o desenvolvemento de produtos agroalimentarios diferenciados e de calidade; de fomentar a innovación en procesos e produtos e de mellorar as competencias de comercialización, etiquetaxe, marketing dixital e canais de venda.
Nesta liña, a titular de Medio Rural anunciou que as primeiras accións formativas nestes espazos serán no CFEA Pedro Murias de Ribadeo no vindeiro mes de setembro, e estarán centradas na transformación e valorización de produtos agroecolóxicos e elaboración de queixos. Un exemplo será o curso de elaboración de hummus con Faba de Lourenzá.
Aposta pola remuda xeracional
Neste mesmo ámbito da formación e a procura de remuda xeracional no sector, a conselleira incidiu tamén en fitos como as 406 prazas de novo ingreso nos seis CFEA que dependen do seu departamento, o que supón un 11 % máis con respecto ao curso actual. Salientou, ao tempo, que o alumnado destes centros presenta un índice de inserción laboral próximo ao 100 % e, na maioría dos casos, na súa contorna. Neste eido, María José Gómez referiuse tamén ao plan de formación continua para o sector, que inclúe cursos habilitantes e outros de interese xeral, contemplando 169 accións formativas, 3.566 horas e máis de 4.000 prazas.
Tamén en relación co fomento da remuda xeracional, a conselleira puxo en valor -ademais da formación- as axudas á incorporación de mozos e desenvolvemento de plans de mellora. Neste contexto, lembrou que mañá mércores se publicará no DOG unha nova convocatoria, dotada con 36 millóns de euros, e fixo fincapé nos arredor de 5.000 mozos incorporados ao agro con este tipo de achegas desde o ano 2009. Para reforzar esta iniciativa, Gómez remarcou tamén a posta en marcha dun plan de titorización desde o ano pasado, de forma que os agricultores e gandeiros contan cun titor especializado que os acompaña durante os primeiros anos da actividade, para axudalos e guialos.
Mobilidade de terras
Durante a súa comparecencia parlamentaria, a conselleira indicou que un dos obxectivos da Xunta para mellorar o agro galego pasa tamén por fomentar a mobilidade de terras e a ordenación do territorio. Así, indicou, vénse traballando cos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria, que propiciou xa a posta en valor de 10.200 hectáreas en toda a Comunidade. Un destes instrumentos son as permutas e, para fomentalas, a conselleira anunciou que en xullo convocarase unha nova orde axudas a particulares para facilitar o desenvolvemento de proxectos de mobilización de terra agraria vinculados a esta ferramenta ou outras contempladas na normativa vixente.
Sobre as reestruturacións e concentracións parcelarias, recordou que desde o ano 2020 a Xunta rematou un total de 33 procesos e sinalou que neste primeiro semestre do ano finalizáronse outros catro e 19 están xa en rexistro ou notaría. Deste xeito, antes de final de ano -anunciou- está prevista a entrega de títulos en Oroso, Santiso e Lalín e contémplase decretar outras tres parcelarias.
No campo das infraestruturas rurais, a conselleira resaltou o esforzo en materia de mellora de camiños e así subliñou que desde o ano 2016 lévase actuado en máis de 6.000 vías municipais, que supoñen 4.744 quilómetros, cun investimento de preto de 168 millóns de euros. Trasladou que se vai seguir nesta liña, cun Plan Camiña Rural para este ano e o que vén que suporá un gasto de máis de 19 millóns de euros.
O desenvolvemento rural foi outro dos eixos nos que Gómez centrou a súa intervención. Fixo mención especial ao programa Leader, que permitiu, no seu último período de execución, a aprobación de máis de 1.500 proxectos, coa consolidación de máis de 4.000 empregos e a creación duns 1.100 novos. Na nova convocatoria, destacou o Bono Activa Rural, unha medida deseñada especialmente para beneficiar os autónomos.
Apoio ao sector agrogandeiro
Nesta intervención, María José Gómez incidiu tamén nas diferentes medidas de apoio ao sector agrogandeiro. No eido do benestar animal, mencionou a creación dun Centro Integral de Acollida de Animais de Granxa, dedicado ao seu coidado e acollida temporal, mellorando a súa situación á espera de realizar unha poxa ou adxudicación directa. Deste xeito, segundo explicou a conselleira, trátase de dar unha solución áxil, sinxela e ética aos animais afectados por maltrato ou abandono.
Asemade, nesta mesma liña, a conselleira avanzou que no vindeiro mes de xullo convocaranse novas liñas de axudas para o sector, como o instrumento financeiro para darlle liquidez e unha nova orde de achegas para equipamentos en común. No que atinxe, de xeito específico, á gandaría, Gómez anunciou tamén a próxima posta en marcha da sala de despece vinculada ao matadoiro móbil, que complementará este servizo.
A maiores, a titular de Medio Rural referiuse ás axudas da PAC, concretamente as destinadas a fomentar a produción ecolóxica, que a Consellería volveu incluír na orde deste ano, cunha dotación de medio millón de euros, así como tamén unha convocatoria extraordinaria para conservación de recursos en risco de erosión xenética (razas autóctonas), dotada con 300.000 euros e que é compatible coa recente liña de axudas para fomentar a recría nestas razas.
En relación con outros sectores produtivos, a conselleira fixo mención ao viño, e puxo en valor os máis de 10 millóns de euros en axudas, neste 2025, para reestruturación e reconversión dos viñedos, para o apoio á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e para a promoción do viño galego en mercados internacionais.
Sector forestal
O monte galego ocupou tamén boa parte da intervención de María José Gómez. Lembrou o liderado de Galicia na produción de madeira dentro de España e destacou que o valor dos terreos forestais da nosa comunidade acada os 43.000 millóns de euros, segundo o informe anual da cadea monte-industria.
Neste sentido, Gómez puxo en valor o programa Monte Activo, que se enmarca no Plan Forestal de Galicia e que aposta pola sustentabilidade e rendibilidade do sector. Entre os seus obxectivos figuran ademais os de impulsar o desenvolvemento rural, fixar poboación e previr o abandono. Estes esforzos, dixo a conselleira, tradúcense na convocatoria sostida de diversas liñas de axuda, na sanidade forestal e na promoción de modelos de xestión máis sostibles e rendibles. Puxo como exemplo dos resultados acadados as agrupacións forestais de xestión conxunta ou a recente convocatoria de 1,4 millóns de euros para avanzar na creación de novas entidades con ou sen base territorial.