
Vigo, 26 de xuño de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, sinalou hoxe na Tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia a falta de compromiso do Goberno central coa mobilidade e, en especial, cos servizos ferroviarios de Galicia, o que afecta ao crecemento económico. Por iso, agradeceulles aos empresarios que compartan as reivindicacións da Xunta, como no caso da necesidade de axilizar a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto.
Do mesmo xeito, lembrou a necesidade de que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible ofreza detalles do Plan Director do Corredor Atlántico con actuacións concretas, prazos e investimentos, ao tratarse dunha infraestrutura para garantir un transporte de mercadorías e viaxeiros competitivo. Nesta liña, no que se refire ao AVE con Portugal cuestionou que o Goberno central poida manter o compromiso de rematalo para finais de 2030, dado o estado de tramitación no que se encontran os proxectos da saída sur e do tramo desde O Porriño á fronteira portuguesa, ao que haberá que engadirlle a negociación para a construción dunha nova ponte internacional.
Diego Calvo reclamou que Galicia forme parte das prioridades do Goberno central e denunciou os agravios que sofre a comunidade galega fronte a outros territorios, o que se traduce en perda de oportunidades. Nesta liña, cómpre lembrar os incumprimentos do Ministerio nas conexións coa meseta, en especial no que se refire á alta velocidade entre Galicia e Madrid, sen que se incrementasen as frecuencias de AVE tras a chegada dos Avril e os Avlo, ou que non se recuperasen na media distancia as que había antes da pandemia da covid.
Ademais, desde comezos de mes, as novas frecuencias postas en marcha por Renfe deixaron a Ferrol sen o único AVE directo a Madrid, máis tempos de espera en Lugo e menos paradas na Gudiña ou Vilagarcía de Arousa; e sen facilitar opcións madrugadoras en varios núcleos de poboación. Isto súmase ás continúas incidencias, retrasos e incumprimentos de horarios ou problemas coa compra dos billetes de tren aos que se enfrontan as persoas usuarias.
A maiores, o conselleiro lembrou a ausencia da alta velocidade en Ferrol e Lugo ou a exclusión do porto de Vigo como nodal. No caso de Ferrol, tendo en conta a súa inclusión na rede global con horizonte 2050, a Xunta xa demandou defender ante a Unión Europea a consideración no Plan Director do Corredor Atlántico do tramo A Coruña-Ferrol como rede básica ampliada para 2040.
Aposta polo deporte
Na súa intervención, o conselleiro destacou tamén a aposta da Xunta polo deporte e agradeceu o esforzo dos deportistas galegos e dos clubs e federacións que favorecen a práctica deportiva de base. Nesta liña, referiuse a diferentes iniciativas do Goberno galego para impulsar o deporte en Galicia, como a conversión do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) nun Centro de Alto Rendemento ou a aprobación do proxecto de interese autonómico da Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 do Real Club Celta de Vigo.