
Puebla (México), 30 de abril de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou Parque España e o Círculo Español de Puebla e mantivo unha reunión coas directivas destes centros que representan un punto de encontro da colectividade galega e española en México. A continuación tamén visitaron a Sociedade Española de Beneficencia en Puebla.
Trátase das primeiras visitas desta viaxe institucional a México que se prolongará ata o xoves, 1 de maio co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da comunidade galega no exterior e de potenciar os lazos entre Galicia e México, ademais de seguir difundindo as oportunidades de retorno.
Alí, José González puxo de relevo o importante labor destas entidades que, desde inicios do século XX, exercen como embaixadoras das tradicións e a cultura española, e particularmente galega, no exterior. Nesta liña, engadiu que estes centros son clave na memoria colectiva da emigración española a México, tal e como reflicte o seu arquivo documental e fotográfico, de gran valor histórico.
Ademais, fixo fincapé no apoio da Xunta a este traballo para asegurar a continuidade e promoción do patrimonio cultural galego e seguir fortalecendo os vínculos culturais e sociais coa diáspora galega. Un apoio que, ademais de abarcar os programas para fortalecer as comunidades galegas que están fóra, inclúe tamén a Estratexia Galicia Retorna coa que o Goberno galego promove o regreso daquelas persoas galegas que o desexen.
Para iso, a Estratexia Galicia Retorna conta con 450 millóns de euros ata 2026 e inclúe máis de 100 medidas transversais para axudar ás persoas retornadas na súa inserción laboral e proxecto de vida con distintos apoios para a súa integración plena. Un exemplo, é o programa Retorna Cualifica Emprego, co que se promove o regreso de profesionais cualificados cunha oferta real de emprego e que ao mesmo tempo contribúen á cobertura de vacantes.
Sociedade Española de Beneficencia en Puebla
José González tamén visitou, xunto con Antonio Rodríguez Miranda, a Sociedade Española de Beneficencia en Puebla, fundada no 1860 e que ten como obxectivo apoiar á comunidade española en Puebla, brindando servizos médicos e sociais ás persoas que os precisan. Para iso conta cun hospital que conta con varios servizos de saúde e ofrece programas de apoio a persoas en situación de vulnerabilidad.
A axenda do conselleiro en México continuará cunha reunión co embaixador de España en México e o conselleiro tamén participará nun encontro empresarial coa Unión Mexicana de Empresarios Galegos (Umegal). Ademais, o 1 de maio, José González e Antonio Rodríguez Miranda participarán na Jira Campestre do Centro Gallego de México.