Santiago de Compostela, 17 de abril de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, remitiu unha carta á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, na que reitera a solicitude de información sobre a reclamación polo dano ambiental e os custos xerados polas consecuencias da perda dun contedor de pellets por parte do buque mercante Toconao fronte ás costas portuguesas en decembro de 2023.
En concreto, na misiva o Goberno galego reclama datos sobre a apertura dun procedemento de exixencia de responsabilidade ambiental, que solicitara xa formalmente en xaneiro de 2024, en virtude do cal o Executivo central debería identificar aos responsables do suceso, a avaliación dos danos medioambientais, a definición das medidas de prevención e reparación, así como a repercusión dos custos das medidas adoptadas polas autoridades autonómicas e locais.
Cómpre lembrar que mentres que a Xunta actuou coa máxima celeridade e responsabilidade en canto tivo coñecemento do suceso, poñendo en marcha un dispositivo por terra, mar e aire no que, nalgúns momentos, chegaron a estar traballando a pé de praia máis de 400 persoas, o Goberno central apenas mobilizou medios para facer fronte á chegada dos pellets á costa galega malia as reiteradas peticións do Executivo galego.
Este operativo, que actuou en máis de 630 praias de 66 concellos costeiros, tivo un custo estimado para o Goberno autonómico de máis de 2,3 millóns de euros. Un desembolso económico que non ten que ser asumido polas galegas e galegos, senón polos responsables dos danos causados.
Por iso, a Xunta exixe de novo ao Executivo central que inicie o devandito procedemento. De manterse o silencio do Ministerio, a Administración galega presentará un recurso de alzada como paso previo á interposición dunha demanda ante a xurisdición contencioso-administrativa.







