Santiago de Compostela, 10 de maio de 2025
A Xunta de Galicia tramitou este ano 2.413 matrículas para certificar o nivel de coñecemento en lingua galega. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou ás persoas que se examinaron esta mañá do Celga 4 no instituto Antonio Fraguas de Santiago de Compostela. Trátase dunhas probas ás que, tal e como explicou, concorren nesta fin de semana na capital galega 1.155 persoas, ás que se suman 224 en Ponferrada e 70 en Madrid, outros dos puntos onde se se poden validar as competencias lingüísticas.
Neste senso, o representante do Goberno autonómico salientou que estes exames “son unha ferramenta fundamental para que a nosa lingua siga a medrar e aumentar o seu prestixio a través do seu uso e o seu coñecemento”. Así, destacou “a importancia de acreditar o dominio do idioma, promovendo a formación e favorecendo o seu emprego en toda sociedade”. Ademais, engadiu, trátase dunha medida dirixida especialmente a “que aquelas persoas non nacidas en Galicia ou que non tiveron este idioma como lingua nai poidan ter a oportunidade de ser parte da comunidade de galegofalantes”. Referiuse así ás liñas de actuación enmarcadas no Pacto pola Lingua, e concretamente na renovación do Plan xeral de normalización, no que se fai fincapé na proxección exterior do galego e no impulso do neofalantismo.
Neste contexto, López Campos lembrou outra serie de medidas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en marcha como son os cursos enfocados en determinados sectores profesionais como o da sanidade ou o da xustiza, ademais doutros sobre cultura e lingua galegas dirixidos ás persoas provenientes do exterior e asentadas na Comunidade.
Do mesmo xeito, fixo fincapé nos últimos pasos dados ao abeiro deste Pacto pola Lingua, como o recente anuncio que realizou no Parlamento e que ten que ver co inicio dos trámites para a creación dun selo que recoñeza o compromiso das empresas e institucións co idioma, e que poderá terse en conta en convocatorias e procedementos públicos ou poderá servir como criterio de desempate.
Calendario
Ademais do Celga 4, o 24 de maio terán lugar as probas do nivel 3 que contan con 394 matrículas en Santiago, 92 en Ponferrada e 27 en Madrid. Pola súa banda, examinaranse do Celga 2 o 25 de maio nas tres sedes un total de 399 persoas (318 en Santiago, 53 en Ponferrada e 28 en Madrid) e do Celga 1, o 31 de maio, 52 persoas en Santiago.







