
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reafirmou ante a Confraría de Pescadores de Ribeira e a Asociación de Empresarios deste municipio, que presiden, respectivamente, José Antonio Pérez e Francisco Martínez Gude, o apoio da Xunta de Galicia a seguir apostado pola valorización dos produtos pesqueiros de proximidade coa súa colaboración para a cuarta edición de Gastromar. Confírmase así o compromiso de cooperación que o Goberno galego vén mantendo con estes colectivos dende a posta en marcha da primeira edición, que é un claro exemplo da contribución do tecido social e económico a poñer en valor o produto de proximidade e, con especial énfase, aquelas especies de peixe menos coñecidas pero que poden converterse en atractivas a través dunha elaboración máis innovadora para o consumidor.
O encontro tamén serviu para que Villaverde puxese en valor a actividade que xera a pesca neste porto de baixura que é un dos máis importantes de Europa e conta con produtos de extraordinaria calidade incluídos dentro das dietas atlánticas, así como o bo comezo da campaña do polbo que comezaba no día de onte con resultados satisfactorios para a frota ribeirense.