
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, Eduardo Iglesias García, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Programa de Atención Integral ao Médico Enfermo “Paime”.
No acto tamén participaron os presidentes do colexio de médicos da Coruña, Luciano Vidán Martínez; a presidenta de Ourense; Pilar Garzón Guiteria; e o de Pontevedra, Isidro Lago Barreiro; xunto co secretario do Consello Galego de Colexios Médicos, Juan José López Díaz. Por parte da Consellería de Sanidade estiveron presentes tamén a secretaria xeral técnica, Natalia Lobato; o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal; e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva Tojo.
Esta iniciativa permite ofrecer ao persoal médico galego prestacións para atender problemas de saúde derivados de psicopatoloxías ou de adiccións e drogodependencias. Fomentaranse tamén accións preventivas desde a óptica da saúde pública para limitar as condutas de risco.
A Xunta asina desde hai máis de 15 anos este convenio de colaboración co Consello Galego de Colexios Médicos para desenvolver o Programa de Atención Integral ao Médico Enfermo.
Contido do programa
A Xunta e os Colexios profesionais consideran, atendendo ás características propias do exercicio da profesión médica, que os facultativos enfermos requiren dunha atención médica específica e especializada, xa que iso permite a detención precoz dos casos e a instauración dos tratamentos necesarios, co fin de garantir o axeitado exercicio profesional.
O programa, que atende ao redor de 70 facultativos ao ano, ponse en mans dos colexios para difundir a súa existencia entre o persoal colexiado. Ademais, ten unha vertente de instrumento de control de boas prácticas e de garantía á poboación de protección ao doente, asegurando o retorno do profesional ao exercicio da medicina en condicións óptimas para exercer.
Ao longo destes anos, o orzamento do programa aumentou un 47 %, desde os 44.000 euros de 2020 ata os 65.000 que a Consellería de Sanidade destina actualmente.