O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na segunda edición do festival ‘Aquí tamén se fala’, que se celebrará o vindeiro venres 13 de xuño a partir das 17.30 horas na praza da Tolerancia. Esta iniciativa parte do alumnado e profesorado do IESP Rafael Dieste e conta coa colaboración do Concello. «Apostamos desde o Goberno de Inés Rey polo fomento da música e de todas as expresións artísticas en galego, como estamos a promover tamén nos eventos que organizamos directamente ao longo do ano», indicou Castro.
O festival é resultado dun modelo de dinamización lingüística impulsado desde este centro coruñés e que o pasado ano mobilizou a máis de 200 centros educativos e 25.000 estudantes de toda Galicia. O evento será aberto á cidadanía e todas as bandas e artistas que participarán serán de música en galego.
Dios Ke Te Crew, Pava, Alana, Ulex e a colaboración especial de Boyanka Kostova, que xa participaron na primeira edición, conforman o cartel deste festival gratuíto. Ademais, desde a organización anuncian unha actuación sorpresa que terá lugar no propio festival. Despois do éxito do curso pasado, no que o festival congregou a preto de 5.000 persoas e puxo o ramo a unha actividade frenética na dinamización lingüística que mereceu o recoñecemento unánime da sociedade con premios como o Innovagal, o Rosalía de Castro de Lingua, o do Forum Europeo do Ensino ou o Mil Primaveras, entre outros, ‘Aquí Tamén Se Fala’ volve a organizalo co apoio do Concello.
No acto, ademais de Gonzalo Castro, tamén estiveron presentes Valentín García Gómez, secretario xeral de Lingua, Soledad Agra, responsable da área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Idalecio Cabana, xefe territorial da Coruña, Norma Fariña, directora do IESP Rafael Dieste, Arcadio González e Mónica Reigía, profesores coordinadores do festival, e Lucía Aldao, integrante do grupo Pava.
Outras iniciativas durante o ano
En paralelo, e durante todo o curso, ‘Aquí Tamén Se Fala’ continuou difundido a cultura galega con gravacións realizadas polo alumnado do Rafael Dieste de artistas como Amancio Prada, Quico Cadaval, Fillas de Cassandra ou Xabier Díaz. Mantivo unha estratexia viral en redes á que sumaron o seu apoio referentes culturais como Yolanda Castaño, Marco Neves, Carlangas, as bandas La M.O.D.A. e Doña Manteca ou o humorista Champimuros.
Do mesmo xeito, ‘Aquí Tamén Se Fala’ iniciou unha campaña histórica baixo o lema «O Dépor é da Coruña» para animar o Real Club Deportivo a asumir o topónimo oficial e patrimonial da cidade. Esta iniciativa, na que, coma nas demais, o alumnado do Dieste ten un papel activo e de liderado, conta co apoio nominal de referentes da sociedade civil como Víctor Freixanes (presidente da Real Academia Galega ate 2025), Rosario Álvarez (presidenta do Consello da Cultura Galega), Ricardo Cao (rector da Universidade da Coruña), Román Rodríguez (Conselleiro de Educación), Valentín García (Secretario Xeral de Lingua), Soledad Agra (Deputada Provincial de Lingua), Gonzalo Castro (Concelleiro de Cultura e Turismo), así como do ex-capitán do RC Deportivo Álex Bergantiños, do presidente da Federación de Peñas do RC Deportivo, do experto en toponimia Iván Méndez e do presidente da MESA. Ademais, a estas personalidades súmanse as direccións, xefaturas de departamento de Lingua Galega e Literatura e dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega de todos os institutos públicos da cidade da Coruña.
Aínda, nos últimos días, ‘Aquí Tamén Se Fala’ vén de publicar dous vídeos en redes sociais nos que referentes culturais do país como Rodrigo Vázquez, Rocío Barrio, Nuno Pico, Mercedes Peón, Lúa Mosquetera, Xurxo Souto, Fran Hermida, Manuel Burque, Xosé A. Touriñán, Lucía Veiga, Kiko Novoa, Paco Lodeiro, Xulio Ferreiro, Jorge Mira, Iria Veiga e moitos máis mostran o seu apoio á campaña «O Dépor é da Coruña».






