Curtis (A Coruña), 24 de mayo de 2025
A Xunta vén de iniciar en Curtis unha nova edición dos cursos de condución segura para motoristas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu hoxe á primeira das oito actividades formativas que desde esta fin de semana e ata o 7 xuño se celebrarán no concello coruñés, en Pontevedra e Ourense, e nas que participarán un total de 176 persoas.
Allegue subliñou que a Xunta promove estas actividades gratuítas de formación e sensibilización, no marco do firme compromiso da Administración autonómica coa seguridade viaria e como medida incluída no Plan de Seguridade Viaria 2022-2025. Visión cero, que busca a eliminación de falecidos e feridos graves provocados polos accidentes de tráfico para o ano 2050.
A conselleira lembrou que os motoristas están entre os usuarios máis vulnerables das estradas e con estes cursos búscase acadar unha maior seguridade, reducindo o risco de accidentes. Destacou a “excepcional acollida” que teñen estas actividades, nas que desde o ano 2019 xa teñen participado 800 motoristas, e indicou que para estes 8 primeiros cursos, recibíronse máis de 1.000 solicitudes. “Hai unha enorme demanda, e imos continuar a desenvolver estas actividades”, apuntou.
Os cursos están impartidos por técnicos da Escola Galega de Condutores San Martín e ofrecen 5 horas de formación con probas teóricas e prácticas, nas que ademais da normativa, amósanse técnicas para mellorar as habilidades de condución, a anticipación ao risco; a reacción ante situacións de perigo. Deste xeito, os usuarios poden perfeccionar o manexo da moto e desenvolver habilidades de condución preventiva.
Tralas dúas sesións de hoxe, mañá celebraranse outros dous cursos, cada un con 22 asistentes. Continuarase a próxima fin de semana en Pontevedra e en xuño en Ourense. E tras o verán, reanudaranse as accións formativas deste ano en Monforte de Lemos, O Porriño, Culleredo e Ferrol.
En total, a Xunta promoverá 64 cursos ata 2028, nos que poderán participar 1.280 motoristas, dado que o contrato licitado prevé inicialmente dous anos de cursos coa previsión de ampliar outros dous anos.
Investimento en seguridade viaria
No marco do Plan de Seguridade Viaria, a Xunta está a actuar para que as estradas de titularidade autonómica estean nas mellores condicións, a fin de garantir a maior seguridade viaria, cunha folla de ruta que inclúe accións como reforzos de firmes, o Plan de Sendas de Galicia ou a Estratexia de Eliminación dos Treitos de Concentración de Accidentes.
A conselleira lembrou que esta aposta pola seguridade reflectiuse nos orzamentos deste 2025, nos que se incrementaron un 30 % as partidas específicas e concretas para conservación de viarios autonómicos, que suman 68 millóns de euros.








